Nova edición das sesións formativas Finanzas para todos na Rede CeMIT

venres, 12 de xuño do 2026 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en colaboración co Banco de España, impulsa unha nova edición da iniciativa Finanzas para todos, destinada a mellorar a educación financeira da cidadanía e fortalecer a súa capacidade para adoptar decisións económicas seguras, responsables e ben fundamentadas.
As sesións darán comezo o vindeiro 17 de xuño na aula CeMIT de Celanova e desenvolveranse ata outubro nas aulas CeMIT de Abegondo, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e A Coruña (Centro Cívico de Eirís). Como en edicións anteriores, o programa organízase en dous itinerarios formativos, compostos por dúas sesións cada un e cunha duración total de 7,5 horas.
O primeiro itinerario estará dedicado á xestión das finanzas persoais. Nel trataranse aspectos como a elaboración dun orzamento, a identificación e clasificación de ingresos e gastos, o aforro, o investimento e o endebedamento. O obxectivo é facilitar a adquisición de hábitos financeiros máis seguros e responsables.
A formación incluirá tamén actividades prácticas sobre o uso de contas bancarias, tarxetas e distintos medios de pagamento. Do mesmo xeito, reservarase un espazo específico á prevención da ciberdelincuencia, con recomendacións para realizar operacións financeiras dixitais con maiores garantías de seguridade.
O segundo itinerario permitirá profundar nos contidos abordados previamente, contribuíndo a reforzar a confianza da cidadanía na xestión das súas finanzas persoais.
As sesións apoiaranse no uso de ferramentas dixitais, como LibreOffice e distintos simuladores, para fomentar unha aprendizaxe práctica e mellorar as competencias dixitais dos asistentes. Tamén se promoverá o aproveitamento das tecnoloxías dixitais para elaborar orzamentos, analizar gastos e comparar servizos financeiros, sen esquecer a concienciación sobre os riscos asociados ás decisións económicas do día a día.
As persoas interesadas poden consultar a programación completa e formalizar a súa inscrición vía web.