Novo xogo mata-marcianos para PC

mércores, 28 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Os seguidores de clásicos xogos mata-marcianos coma Nemesis, Salamander ou R-Type poderán saciar as súas ansias cun novo xogo que se comezará a vender o vindeiro 14 de decembro a través da Internet, Söldner X: Himmelsstürmer, chegando nunha edición limitada que inclúe o xogo, o manual nunha caixa de deseño, a banda sonora, unha guía e un certificado de serie (só para os 3.000 primeiros compradores) por 33,64 euros, comezando a comercializarse para PC, aínda que se agarda un posterior lanzamento a través da tenda virtual de PlayStation 3.


Impresionantes imaxes do xogo

Este impresionante xogo de naves transcorre en 12 fases con coidados gráficos e animacións, ten gráficos de alta definición (720 liñas progresivas), funciona en varios modos de pantalla (16:9, 16:10 e 4:3), permite xogar a 2 usuarios simultáneos en modo cooperativo, conta con fondos animados, efectos meteorolóxicos, multitude de armas, características agochadas e moitas outras prestacións que agradecerán os incondicionais deste tipo de xogos que tanto furor causaran nos salóns recreativos de finais dos anos 80.