O America´s Army para PC segue a bater récords con máis de 10 millóns de usuarios
venres, 20 de febreiro do 2009
De todos é sabido
o gusto dos estadounidenses polas armas; podemos dicir sen risco a trabucármonos
que se hai algo que lles guste máis a unha parte importante deses seres de
estraños costumes que as hamburguesas, a Pepsi Cola e a crema de cacahuete son
as pistolas, os coitelos, as metralladoras e todo o que teña que ver coa destrución
e que se pode levar á gran pantalla en forma película ou serie de animación.
Se á súa afección
polas armas lle unimos a paixón polos videoxogos, obtemos unha boa medida da
clave do grande éxito obtido co simulador virtual de manobras do Exército dos
Estados Unidos: o America’’s Army PC.
Este videoxogo que
as forzas armadas empregan para a instrución dos seus soldados leva colleitados
cinco records Guinnes e recrutou a
preto de dez millóns de “soldados
virtuais” dende que saíu dos cuarteis cara o gran público.
Xa en xaneiro de
2007 superaba os oito millóns de “soldados
virtuais” cando, no exército de terra real, só había uns 519.500
militantes; isto fixo que a aplicación se distinguira como “o meirande exército virtual do mundo”,
15 veces superior ao real.
A día de hoxe, o
xogo ten máis de 9,7 millóns de usuarios e vén de obter varios récords: por ser “o videoxogo de guerra máis descargado”, con máis de 42,6 millóns de
veces; por ter o “máximo de horas que
permite xogar como tirador libre”; e o Récord
Guiness por estar considerado como o “meirande
simulador de viaxe” ao incluír seis vehículos de tamaño real rodeados por
múltiples pantallas planas e con espazo para ata 50 participantes.
Con esta colleita
de recoñecementos, unha cousa si semella estar clara: imos ter America´s Army PC para largo.
