O CESGA culmina o día 16 os actos de celebración das súas dúas décadas de actividade
xoves, 5 de decembro do 2013

- O supercomputador FinisTerrae, o corazón do CESGA
O
Centro de Supercomputación de Galicia
culmina dúas cousas en 2013: un intenso ano de iniciativas e
proxectos (por
exemplo a súa participación en Fortísimo) e máis unha longa
listaxe de de actividades destinadas a celebrar as súas dúas
décadas de traballo achegando cálculo e comunicación de altas
prestacións, entre outras moitas cousas. Actividades coma
a celebrada con HP e Intel, ou a
que desenvolveu con Fujitsu. Asemade, tamén algún que outro
recoñecemento, coma o
concedido por El Correo Gallego con motivo das
“súas dúas décadas de servizo á comunidade investigadora galega
e ao Consello Superior de Investigación Científicas (CSIC)”, ao
que cómpre engadir a súa participación en máis de 170 proxectos
de I+D que mobilizaron 532,7 millóns de euros. Pois ben, todo isto
vai culminar o vindeiro 16 de decembro, cun evento de celebración no
que teñen programado concorrer o presidente da Xunta, Alberto Núñez
Feijóo, e máis o presidente do CSIC, Emilio Lora-Tamayo.
A
cita desenvolverase a partir das 19.30 horas, no auditorio do Centro
de Novas Tecnolóxicas de Galicia (CNTG). Contarase
coa presenza de boa parte dos representantes do tecido investigador
galego e máis das nosas empresas do sector das novas tecnoloxías da
información e do eido dixital.
Vinte
anos de celebración
O
CESGA cumpre vinte anos á vangarda de Europa en materia de
innovación. Ou sexa, que ao falar do Centro de Supercomputación de
Galicia falamos de vangarda ao cadrado. Como iniciativa tecnolóxica
que é, e como iniciativa que foi quen de actualizarse ao longo de
vinte anos que sen dúbida deron para moito, o CESGA ten uns
alicerces firmes. Máis polo miúdo, catro piares robustos que ben
poderiamos cualificar de ingredientes imprescindibles para garantir
o éxito de toda iniciativa tecnolóxica ligada ao coñecemento, ao
cálculo e en definitiva ao tecnolóxico. Falamos destes catro
piares: excelencia científica, internacionalización, colaboración
(dos 171 proxectos postos en marcha dende o CESGA, unicamente un
deles foi obra exclusiva do Centro) e transferencia tecnolóxica (o
que comunmente se entende como coñecemento de valor xerado nas
universidades e nos centros de I+D e logo aplicado no eido
empresarial da contorna). Cómpre salientar a cifra que incluímos
entre parénteses: 171 proxectos, practicamente todos abordados en
compañía de diversos compañeiros de viaxe, desenvolvidos ao longo
de 20 anos (moitos dos cales, claro está, están aínda vivos
e achegando froitos). En cuestión de cifras de orzamentos, estamos a
falar de máis de 500 millóns de euros mobilizados. No que se refire
a puntos fortes do CESGA, podemos resumilos nestes: computación e
comunicación de altas prestacións, aprendizaxe a distancia, GIS e
computación distribuída en sistemas grid e cloud.
Isto tradúcese en traballos en áreas como a predición
meteorolóxica, a análise da contaminación atmosférica ou a
investigación en fármacos contra diversas enfermidades. Tal e como
informan os responsables do Centro no número de xullo de 2013 da
súa publicación Díxitos, o intenso e incansable labor no
ámbito da Investigación e o Desenvolvemento converten ao CESGA nun
motor de innovación para a nosa terra. Esta comparación coa parte
máis técnica dun vehículo, co seu corazón, non é casual nin
gratuíta. En certa maneira, os equipos tecnolóxicos e humanos que
acubilla o Centro galego, no seu emprazamento do Campus Sur de
Santiago de Compostela, permiten que unha boa parte da estrutura da
investigación e a innovación da nosa terra sexa quen de moverse.
Tal e como nos lembra de novo o CESGA, non sempre falamos, ao
falarmos de ciencia, de científicos en espazos de traballo ateigados
de instrumentos para o común da xente insondables nas súas
funcións. Non, “a ciencia de vangarda depende cada vez máis de
cálculos intensivos que requiren o emprego de grandes sistemas
informáticos”. E aquí precisamente entra en xogo o CESGA:
axudándonos a avanzar cara ao futuro.
O
Centro de Supercomputación de Galicia púxose en marcha en 1993
froito dun acordo entre a Xunta de Galicia e o Consello Superior de
Investigacións Científicas. Participou nos seus vinte anos de vida
en 41 proxectos internacionais de investigación competitiva
financiados con fondos europeos que mobilizaron máis de 160 millóns
de euros, dos cales ó redor de 10 millóns investíronse na
Comunidade.
Como
dixemos, o conxunto dos 171 proxectos nos que o CESGA tomou parte
nestas dúas décadas mobilizaron 532,7 millóns de euros, dos cales
13,4 foron ingresos para o Centro. A meirande parte destes proxectos
desenvolvéronse con grupos de investigación das universidades e
empresas galegas. O Centro colaborou ademais con múltiples grupos de
investigación da nosa terra e do CSIC, participando en programas
competitivos da Unión Europea e involucrándose en diversas redes de
coñecemento.
Como
lembraremos, na súa sede en Santiago o CESGA acubilla o
supercomputador FinisTerrae, e apoiándose nel participa no
desenvolvemento dalgunhas das principais infraestruturas cibernéticas
de investigación, achegando persoal e tecnoloxías clave á maior
rede de cálculo distribuído do mundo, a European Grid
Infraestructure.
Asemade,
estableceu relacións de traballo e alianzas con algúns dos
principais centros da súa área en Europa, o que sen dúbida
repercutiu positivamente á hora de emprazar á nosa terra nos eixes
principais de actividade en I+D do continente. Dito doutro xeito:
contribuíu á que dende a nosa contorna se nos tivese máis conta a
nivel científico e tecnolóxico.
O
Ministerio de Ciencia e Innovación recoñeceu ao CESGA, en 2008,
como Infraestrutura Científico-Tecnolóxica Singular do Estado. No
eido galego, xestiona a Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia -cuns 90.000 usuarios- e colabora con centros de I+D+i,
universidades, Centro Superior de Investigacións Científicas e
empresas en múltiples iniciativas. A día de hoxe, empregaron as
súas capacidades de cálculo preto dun milleiro de grupos de
investigación. Deles, máis da metade están a facer uso,
actualmente, destes recursos. “Todas estas interaccións”,
informan os responsables do CESGA, “permitiron formar persoal
altamente especializado no propio Centro, dende especialistas en
informática a matemática ou química; facilitaron a presenza de
grupos de investigadores galegos en proxectos internacionais; e
permitíronlles aproveitar e mesmo transferir o coñecemento
adquirido nesas iniciativas, polas que se recibiron diversos premios
internacionais”.
