O CESGA reforza o seu compromiso informativo co Día Mundial do IPv6

martes, 31 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Compostela, máis polo miúdo a sede do CESGA no Campus Sur da cidade, foi este luns un dos emprazamentos elixidos para dar difusión a través dunha conferencia de Jordi Palet (coordinador de 6Deploy) á actividade informativa conxunta que prepara a Internet Society para conmemorar o Día Mundial do IPv6. Esta cita festiva avanzada onte luns no CESGA e máis noutros centros de investigación estatais será o vindeiro 8 de xuño. Lembrar que o devandito centro galego xa deu claras mostras de actividade no camiño de ter informada á sociedade galega sobre as implicacións deste evento e do que leva detrás.
Para quen non coñeza o miolo da celebración, cómpre lembrar que o Día do IPv6 é un experimento-test no que van tomar partido algúns dos sitios máis importantes da Web (Yahoo!, Facebook, Google, Akamai ou Limelight), coordinados pola Internet Society, coa finalidade de divulgar as vantaxes do novo protocolo.
A cita conxunta tamén servirá para preparar o terreo, a comunidade de internautas por enteiro, para a chegada masiva dos sitios con IPv6.
A día de hoxe, servizos como Google ou Facebook xa operan co dito protocolo, aínda que non nomes diferentes aos que xa coñecemos. Trátase de http://ipv6.google.com e máis de www.v6.facebook.com. Segundo conta a Internet Society, todo indica a que tanto internautas como infraestrutura están de abondo preparados para activar de xeito directo este novo protocolo nos sitios oficiais, sen afectar negativamente aos usuarios. A isto tamén contribúe o máis que seguro esgotamento dos enderezos IPv4, feito que vén certificado pola entrega simbólica, o pasado mes de febreiro e de mans da Axencia de Asignación de Números de Internet, dos últimos IPv4 que van estar dispoñibles no mundo.
A celebración que prepara a Internet Society o 8 de xuño desenvolverase ao longo de 24 horas. Entre outras cousas, tirarase partido da mesma para facer campañas de divulgación, recadar información real na Internet e sensibilizar á comunidade en liña e aos fabricantes de navegadores e sistemas operativos a impulsar o cambio cara ao IPv6.