O Concello de Santiago achega axudas para coidar e dixitalizar o comercio local
martes, 11 de setembro do 2018
O
Concello de Santiago quere botar unha man ao comercio local, mesmo
poñendo o foco nas súas principais demandas en dixitalización. Así
o fixeron saber onte o rexedor Martiño Noriega e máis a concelleira
Marta Lois, que debullaron as axudas previstas para 2018 ao abeiro de
Coidar para mellorar, mellorar para coidar,
convocatoria de subvencións que
integra os incentivos previos dos departamentos de Comercio e de
Lingua e que fai referencia no seu nome á necesidade de velar polo
comercio para que sexa máis competitivo e innovador. Unha
das liñas de recursos é unha liña específica TIC.
En
termos máis concretos, as axudas buscan mellorar a eficiencia
no uso dos recursos públicos, incrementando a contía ata os 40.000
euros. Ademais, pon en xogo unha simplificación dos trámites para
solicitalas (“onde antes había varias, agora hai unha única
convocatoria”, sinalaron Noriega e Lois) e unha mellora no seu
achegamento á cidadanía. De feito, para a difusión da campaña
crearase unha web, que estará activa a partir desta sexta feira
(venres) e na que as e os comerciantes “poderán participar
activamente”, engadiron.
A
campaña terá tamén feitura visible, unha fasquía de planta que
irá medrando a medida que a comunidade medre e se multipliquen as
iniciativas postas en xogo. A planta tamén adquirirá volume, en
primeira instancia, co incremento do número de visualizacións do
vídeo de promoción da campaña nas redes sociais.
Noriega
e Lois tamén lembraron de ao abeiro de Coidar para mellorar,
mellorar para coidar incorpóranse tamén as axudas que “ano
tras ano” leva impulsando o Consorcio de Santiago dentro do
programa Localízate, destinadas á rehabilitación dos locais da
cidade histórica. Grazas a esta marca global, aquelas solicitudes
para a rehabilitación de locais situados no casco histórico serán
canalizadas a través do Consorcio.
Como
dixemos, os obxectivos da convocatoria presentada onte pasan pola
implantacións das novas Tecnoloxías da Información e a
Comunicación (TIC), a mellora das condicións físicas dos locais, a
mellora a comunicación dos mesmos e incorporar ou ampliar o uso da
lingua galega. Así, “haberá tres liñas de actuación que
aglutinan as axudas que viñan sendo impulsadas por lingua e
comercio”, explicou o alcalde.
Por
unha banda, a Liña A, de axudas para investimentos na adecuación
física dos locais. Por outra, a Liña B, de axudas para
investimentos en TIC e outras innovacións e, por último, a Liña C,
de axudas para gastos de comunicación realizada en lingua galega.
Poderán resultar beneficiarios aqueles comercios que estean no termo
municipal de Compostela e que realicen actividades incluídas no
anexo 2 da convocatoria. “A contía total”, fixo saber Marta
Lois, “é de 40.000 euros, aumentando en 5.000 o que dedicabamos o
ano anterior coas dúas axudas”.
Así,
destínanse 25.000 euros ás liñas A e B e 15.000 á liña C. Porén,
a contía individualizada da subvención que se outorga será como
máximo de 5.000 euros para as liñas A e B, e outros 5.000 para a
liña C, de tal xeito que o máximo por persoa solicitante, no caso
de concorrer ás tres liñas de subvención, será de 10.000 euros.
O
prazo para presentar solicitudes remata o 22 de outubro e deberán
entregarse no Rexistro Xeral do Concello (rúa do Presidente Salvador
Allende, 4), ou ben a través do enderezo
comercio@santiagodecompostela.gal.
