O Goberno galego lanza campaña para empurrar a reciclaxe de aparellos electrónicos

mércores, 28 de xuño do 2017 Fernando Sarasketa

Semella que o Goberno galego quere intensificar a efectividade e eficacia en materia de reciclaxe e tratamento de refugallos eléctricos e electrónico: segundas vidas cando sexa posible e, cando non, aproveitamento das pezas e correcto tratamento dos aparellos. Para optimizar e impulsar a xestión axeitada do que se coñece como RAEE, loitando contra a práctica desgraciadamente enraizada de desbotar trebellos guindándoos no monte ou nos ríos (ou de apostar por sistema pola substitución, a compra nova, cando un aparello deixa de funcionar), a Xunta vén de lanzar unha campaña de sensibilización específica baixo o lema O que se enchufa, recíclase. A iniciativa vén da man da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en colaboración coas entidades de responsabilidade ampliada dos produtores. O obxectivo é mellorar a xestión a través dos puntos de venda.
Segundo explicou a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, repartiranse un total de 1.000 colectores entre os diferentes establecementos, tanto “en tendas de barrio como en grandes superficies, nos que os veciños poderán depositar os aparellos inservibles”. A campaña conta cun orzamento próximo aos 700.000 euros e prevé o desenvolvemento dun total de 700 accións informativas de carácter itinerante, que chegarán a 138 localidades galegas con máis de 4.000 habitantes. A campaña inclúe un convite a tres accións: reparar, reutilizar e reciclar.
A maiores do reparto de contedores, porase en marcha unha páxina web específica da campaña e difundirase información a través das redes sociais.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio indicou que en 2016 recolléronse en Galicia máis de 14.000 toneladas de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, “o que significa que cada galego xerou unha media de 5 quilogramos destes refugallos de moi diversa tipoloxía: desde un simple móbil ata elementos de maior envergadura como frigoríficos ou conxeladores”.
A cantidade de refugallos retirados en 2016, indicou a conselleira, “supón un importante incremento con respecto ao exercicio anterior, cando se recolleron 10.600 toneladas, isto é, un 75 por cento menos”.