O Goberno habilita unha web para buscar as zonas con cobertura de banda larga
xoves, 14 de maio do 2009
O Ministerio de Industria, Turismo e
Comercio, vén de estrear unha aplicación
web que lle permite aos usuarios comprobar se existe cobertura de banda
larga nun núcleo de poboación concreto de toda a xeografía española, incluído o
rural.
A ferramenta, que dispón a información
nun mapa de España dividido por provincias, ofrece, asemade, información sobre
a tecnoloxía empregada e o operador ou operadores encargados de prestar o
servizo nas zonas cubertas por programas de axudas subvencionados polo
devandito organismo público.
Entre as actuacións que se poden
localizar a través do buscador, tamén se inclúen as do Programa de Extensión de
Banda Larga (PEBA), que levou conexión de alta velocidade ás zonas rurais e
illadas da nosa xeografía, beneficiando a máis de 8 millóns de habitantes dende
o pasado ano.
Segundo puidemos ler na web da Sociedade
da Información, un organismo que dende o Ministerio destacan como unha
iniciativa autonómica que comparte obxectivo co PEBA, os mínimos de servizo
esixidos para prestar o plan PEBA “foron dun largo de banda de 256 kilobits por
segundo de baixada e 128 de subida, “calidade
de servizo semellante á oferta maioritaria en España na data da convocatoria do
concurso”.
Os prezos, continúa a información, “non habían superar os 39 euros de alta
(máis IVE) nin unha cota mensual doutros 39 euros durante os 36 primeiros meses
de contrato”.
Asemade, o programa esixe que os custos
iniciais ou de instalación sexan reducidos, tanto no caso de ADSL como de
tecnoloxías sen fíos ou vía satélite.
