O I Foro Galego de Cloud contará co apoio de Ineo e R e de multinacionais como Microsoft e Fujitsu
mércores, 5 de maio do 2010
O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia acollerá o vindeiro 20 de maio un encontro empresarial e de investigación sobre os mellores xeitos de facer rendible e perdurable unha empresa pola vía do emprego útil das novas tecnoloxías da información. Máis polo miúdo, trátase da primeira edición do Foro Galego de Cloud, un evento que xorde para “converterse nunha xuntanza de referencia en España e Galicia e que vai dirixido a profesionais e empresas galegas preocupadas pola innovación tecnolóxica”. O encontro, a desenvolver baixo o epígrafe VDI Cloud Hosting Virtualización, contará co apoio da Xunta de Galicia así como de diversas asociacións empresariais galegas vinculadas ao eido tecnolóxico-dixital, como é o caso de Ineo.
Asemade, celebrarase co patrocinio de fabricantes multinacionais representantes das estratexias Cloud: Citrix, Fujitsu, Microsoft, NetApp, VMware; o operador de cable R e diversos consultores expertos na aplicación rendible das tecnoloxías da información no ámbito empresarial.
A xuntanza, que se vai desenvolver entre as 9.30 e as 18.00 horas no devandito emprazamento formativo de Santiago (situado no barrio de Conxo), dividirase en dúas sesións, unha teórica e outra práctica. O seu obxectivo, como dixemos, é dar a coñecer a importancia estratéxico dos modelos Cloud Computing no presente e no futuro e divulgar prácticas de virtualización para manter a continuidade e o medre dun negocio. Máis polo miúdo, as prácticas Cloud (ou computación na nube) constitúen por así dicilo a aplicación ao eido xestor dunha boa parte das vantaxes da Rede social, a 2.0. Este tipo de computación incorpora o software como servizo, ao igual que a dita Internet 2.0, supoñendo a habilitación na Rede de todo o preciso para un uso empresarial, enténdase un uso baseado na confianza e na accesibilidade, situándose as aplicacións de negocio ás que podemos chegar dende un navegador entre as súas vantaxes máis populares.
