O Príncipe Felipe salienta en EducaRed o papel da Web 2.0 para o futuro da formación
martes, 30 de outubro do 2007
Os Príncipes de Asturias, a presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, a ministra de Educación, Mercedes Cabrera e o Presidente de Telefónica, César Alierta, inauguraron onte (29 de outubro) o IV Congreso Internacional de EducaRed que reúne en Madrid a máis de 2.000 mestres para debater sobre a aplicación das novas tecnoloxías da información e a comunicación no ensino.
Na súa intervención, o Príncipe de Asturias felicitou ós asistentes ó acto e sinalou “a importancia do programa EducaRed como difusor das novas tecnoloxías da información en lingua castelá no ámbito educativo” así como “o papel que xogan as novas tecnoloxías na educación e os novos enfoques que vai introducir a Web 2.0 como plataforma de expresión”.
Pola súa parte, a ministra de Educación, Mercedes Cabrera, falou dalgunhas das conclusións máis relevantes que se puideron extraer do Estudio sobre as Novas Tecnoloxías na Educación, para o que foron enquisados 22.085 alumnos e 4.066 docentes. O dato máis destacable da investigación é o considerable incremento dos recursos tecnolóxicos nos centros educativos xa que, neste senso, e en palabras da ministra, “en España conseguimos que haxa un ordenador por cada 1,6 alumnos cando a media europea (sorprendentemente) se sitúa en un ordenador por cada 9 alumnos”.
Outro dos datos mencionados por Cabrera foi que “practicamente o 100 por cento dos centros de ensino están conectados á Rede”; segundo o devandito estudo, o 99,5 por cento dos centros de primaria e o 99,1 por cento dos centros de secundaria teñen conexión a Internet e máis do 84 por cento dos mesmos participaron nos últimos anos nalgún proxecto de incorporación das novas tecnoloxías nas aulas.
Este cuarto Congreso Educared proseguirá os seus traballos ata mañá mércores no Pazo Municipal de Congresos de Madrid.
