O audiovisual galego faise internacional da man do Consorcio

luns, 16 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

O vindeiro 27 de xaneiro, Galicia e Portugal acudirán xuntas ao festival internacional de curtametraxes máis importante de Europa, o Clemont-Ferrand, onde darán a coñecer unha boa mostra da súa produción en pequeno formato, da que podemos presumir, por certo.
A nosa Comunidade farao a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, que aproveitará a cita para presentar o catálogo Shorts from Galicia 2012, unha compilación de sete curtametraxes galegas producidas nos últimos dous anos e seleccionadas coa colaboración dos tres festivais de curtas máis relevantes de Galicia (Festival de Cans, Curtocircuíto e FicBueu), nos que estas obras resultaron gañadoras e/ou finalistas.
As curtametraxes que compoñen o catálogo son Radiografía dun autor de tebeos (de Marcos Nine); Amistad (de Alejandro Marzoa); Gato encerrado (de Peque Varela); Birdboy (de Pedro Rivero e Alberto Vázquez); Estereoscopía (de Xacio Baño); Vicenta (de Sam Orti) e ¿De qué se ríen las hienas? (de Javier Veiga). Entre todas acumulan un total de 86 premios e unha traxectoria de preto de 260 seleccións en diversos certames, destacando a recente candidatura de Birdboy para os Goya deste ano na categoría de Mellor curtametraxe de animación.
Segundo informan dende o Consorcio, “esta publicación supón unha escolma representativa do traballo que se está a facer na nosa comunidade a nivel de pequeno formato nos seus diferentes xéneros (ficción, animación e documental)”. Consta dun DVD coas sete producións en versión orixinal e subtítulos dispoñibles en inglés e castelán, así como as fichas técnico-artísticas das curtametraxes e as biofilmografías dos directores nos dous idiomas.