O primeiro episodio do videoxogo galego AR-K sae á venda en formato físico
venres, 23 de marzo do 2012
O videoxogo galego AR-K, de cuxo procesos de creación e galeguización
falamos hai pouco en Código Cero, ten novidades que amosar. E, de feito, novidades
importantes. Así nolo contan os responsables da proposta dixital, os
integrantes do estudo coruñés Gato Salvaje, que veñen de advertirnos de que xa
temos nas tendas, en formato físico, a súa criatura.
E todo debido ao “gran éxito obtido pola
súa distribución en liña”. Cómpre lembrar que o episodio inicial desta
aventura gráfica foi, segundo informan os rapaces de Gato Salvaje, “o máis vendido no seu xénero en portais de
recoñecido prestixio, como Games Planet, The Adventure Shop ou Media Markt”.
Asemade, engaden, obtivo excelentes críticas dos especialistas en videoxogos,
como por exemplo das publicacións Micromanía, Vandal o Meristation. Neste último
portal, sen ir máis lonxe, salientáronse
múltiples detalles da achega galega, como “o gran acabado técnico” ou o carisma do seu personaxe principal, “unha moza sarcástica, fachendosa, cínica e
absolutamente encantadora”.
A feitura física de AR-K chega pois esta semana aos puntos de venda, quioscos e tendas
especializadas da nosa terra, para logo dar o chimpo a uns 21.000
establecementos de toda a xeografía estatal. O seu prezo é de 9,95 euros, o
mesmo có da versión dixital, descargable aínda na web do estudo coruñés. Por
certo que o segundo episodio estará dispoñible no vindeiro mes de xuño e
fornecerá aos usuarios de novas aventuras de Alicia, de novo coa voz de María
Castro. Sinalar que tamén puxeron o seu gran de area, para a materialización
dos personaxes, os actores Antonio Durán Morris, Miguel Pernas e Andrés Bellas.
Un pouco de historia
Sergio Prieto, Javier Vara Calviño e Javier
Vilar Ortiz, integrantes de Gato Salvaje, tiveron a idea deste proxecto mentres
o tres cursaban o master de animación
3D MAISCA, na Universidade das Balears. En troques de emigrar, decidiron
investir a súa formación e coñecementos en desenvolver un produto innovador
desde a súa propia terra. O resultado é un produto con sabor independente, pero
cunha presentación gráfica moi por enriba do que adoita ser habitual en
empresas pequenas. O seu mérito é maior, aínda, ao non contar os seus creadores
con ningún tipo de axuda ou subvención oficial.
A aventura que chega agora ás tendas en formato físico conta a historia de
Alicia, unha estudante de xornalismo cuxa vida transcorre nunha sociedade
utópica, onde todas as necesidades parecen estar cubertas. Con todo, vive en
primeira persoa unha serie de acontecementos que lle fan dubidar do que cre
saber sobre o seu mundo. O achado dun misterioso obxecto lévaa a introducirse
nunha complicada trama de investigación, na que terá que detectar todas as
mentiras que separan a aparencia da realidade.
