O profesor Paul Capriotti reflexiona en Pontevedra sobre o novo rol dos comunicadores na Rede

mércores, 18 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

Os alumnos e alumnas do Máster en Investigación en Comunicación da Universidade de Vigo, puideron gozar durante uns días da presenza do experto en comunicación en liña Paul Capriotti, referente nacional no campo de investigación da imaxe corporativa que imparte clases na Universidade Rovira i Virgili de Tarragona.
Capriotti desprazouse ata o Campus de Pontevedra por uns días para achegar de primeira man a súa visión sobre a nova forma de entender a comunicación das marcas na Rede, da cal destacou que as novas tecnoloxías “provocan que as marcas perdan o control sobre a súa reputación tendo que compartir o poder co seu público, algo revolucionario ata o de agora”, explica.
Internet puxo a disposición da comunidade internauta unha serie de ferramentas coas que poden expresarse libremente, e as marcas, por máis que o intenten, non poden exercer o control que podían exercer antes sobre os seus clientes e usuarios.
Agora, segundo este experto, “o problema reside en que canto máis se fale en Internet, menos control se pode exercer”, e neste contexto dixital, “a construción da imaxe corporativa dunha empresa xa non é competencia unicamente de ela mesma senón que comparte función co seu usuario, o que conleva que a autoridade sobre a imaxe estea repartida”, afirmou Capriotti.
E é que o poder unidireccional do que antes gozaban os anunciantes “xamais volverá”, insiste Capriotti, e o consumidor xoga agora un papel esencial que fai máis transparente o proceso da compra-venda ou contrato de servizos.
As marcas, segundo o profesor, intentan solucionar este contrapunto ampliando a súa presenza nas redes sociais, porén “non están a explotar toda a potencialidade que ofrecen as ferramentas online, ao continuar difundindo unidireccionalmente a información sen intención de colaborar”, aclara.
Neste senso a opinión de Capriotti é que “ás marcas non lles interesa conversar” e os profesionais da comunicación (a maioría do auditorio de Capriotti nas sesións, dito sexa de paso), “apuntan máis boas intencións que boas prácticas”.
Malia a todo, o relator que estivo a pasada semana en Pontevedra amósase optimista ante os futuros profesionais do sector, os “nativos dixitais”, afirmando que “son xeracións cunha mentalidade diferente aos actuais profesionais con respecto ás actuacións en rede”, aclara.