O servizo galego Mariskito.com estrea versión para móbiles

venres, 20 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Mariskito.com, o servizo galego para facilitar o envío de produtos do noso mar a tódolos recantos da xeografía española, vén de informar da posta en marcha no seu seo dunha innovadora funcionalidade que permite un meirande aproveitamento dos nosos móbiles á hora de entrarmos na tenda en liña. Trátase do desenvolvemento da versión móbil da web Mariskito.com, centrada na distribución de peixe e marisco fresco, o que significaría entre outras cousas que calquera podería aprovisionarse xa destes produtos unicamente desenfundado o seu dispositivo.
Podemos velo na web de seu, mariskitomobile.com, un servizo que, en palabras dos seus responsables, responde ao interese crecente dos usuarios pola navegación móbil, accesible e inmediata, non só co obxectivo de recadar información senón de levar a cabo accións tan cotiáns como mercar produtos de alimentación do día. A creación desta versión móbil, engaden, vén optimizada para Android, iPhone e Blackberry.
Trátase dunha versión sinxela pero ao mesmo tempo moi completa”, informan fontes desta empresa de Vigo, “onde se pode acceder a todo o catálogo de produtos organizados polas mesmas categorías que na web mariskito.com, peixes, mariscos, viños e outros produtos; e desta maneira pódense consultar de xeito rápido as máis de 60 referencias que integran o catálogo, coas súas descricións detalladas, fotografías e prezos”.
En virtude desta novidades podemos engadir os produtos ao carriño da compra, “cun simple click”, e unha vez enviado o pedido, recibir un correo electrónico cos pasos a seguir para formalizalo. “A navegación resulta moi familiar para os usuarios”, informa a empresa, “e igualmente intuitiva para quen non coñece aínda esta páxina web”.