O software Libra da firma galega Edisa obtén o certificado da Autoridade Tributaria portuguesa
martes, 18 de setembro do 2012
A empresa galega Edisa, con sedes en Vigo e
Ourense, vén de recibir un novo impulso pola súa actividade en desenvolvemento
e integración de software para a xestión e a actividade das empresas ou
entidades públicas, máis polo miúdo grazas a Libra, recurso
recentemente certificado pola Autoridade Tributaria de Portugal, dependente do
Ministerio de Finanzas do país irmán. Este novo pulo ao ERP Libra converte á
firma galega “nunha das primeiras compañías
estatais que adapta o seu software dirixido á planificación de recursos
empresariais (ERP) á nova lexislación portuguesa”.
Cómpre lembrar que o Goberno luso estableceu o
pasado mes de abril que tódalas súas empresas afianzadas no seu territorio están
obrigadas a empregar, para a súa xestión de tipo económico e financeiro, unha
plataforma software certificada. Asemade, a norma estipula o deber de incluír
as sinaturas dixitais das facturas no envorcado de datos, e todo seguindo a
normativa SAFT definida por lei en Portugal hai xa varios anos.
Con esta certificación obtida por Libra, recoñécese
que garante tódolos requirimentos da lexislación tributaria e financeira
vixente no país, permitíndolle á empresa galega seguir traballando nun mercado “que se converteu nunha parte fundamental do
negocio da firma”, sinalan fontes de Edisa.
En palabras de Carlos Suárez Rey, director
xerente, “con esta certificación dase un
importante paso para poder dar soporte ás nosas implantacións en Portugal e
outros países que teñen semellantes requisitos como Angola ou Mozambique; esta
certificación non foi de obtención doada, xa que as esixencias que a facenda
portuguesa impón ás empresas medianas e grandes son moi elevadas no que se
refire á información que estas deben achegar e os controis que teñen que incluír
nos seus sistemas”. Para Carlos Suárez, este tipo de requirimentos son tamén
frecuentes nos países de Latinoamérica e é previsible que tamén se soliciten en
España nos vindeiros anos.
