Ordes prepara a I edición do Festival de Curtametraxes Libres Cinestable
xoves, 24 de xuño do 2010
O audiovisual galego está agora
mesmo nun momento no que a innovación é a súa marca da casa máis
característica, e no que todo canto se fai aporta un pequeno gran de area moi
necesario para potenciar a competitividade deste sector no eido nacional e
internacional.
Festivais de curtas, películas en
3D, grandes actores e actrices que triunfan por todo o mundo, creatividade nas
pezas creadas, promoción internacional dos films… en definitiva, grandes doses
de innovación que fan falta nun sector no que a crise se nota tanto ou máis que
noutros sectores máis fortes.
A última pequena dose de enerxía e
empurrón para este sector vén de facela a asociación
Inestable, que en colaboración co Concello de Ordes, está a preparar a
celebración dun festival de curtametraxes na vila coruñesa.
Cinestable,
que así se fai chamar o evento, vaise celebrar o vindeiro día 5 de agosto no
auditorio da Casa da Cultura de Ordes, e con el, a organización pretende “fomentar o uso de licenzas abertas, ao
tempo que se axuda a dar a coñecer as creacións tanto da xente amateur como dos
profesionais do sector audiovisual”.
A temática das curtometraxes será
libre, coa única restricción de que se licencie baixo unha licenza Creative Commons.
A inscripción é de balde e deberá
realizarse a través da web oficial da entidade. O prazo de entrega de traballos
abriu o día 14 de xuño e poderánse entregar obras ata o vindeiro día 1 de
agosto.
Cinestable contará coa proxección
de diferentes curtametraxes Creative
Commons recoñecidas a nivel mundial, e disporá de máis de 800 euros en
premios a repartir entre as mellores curtametraxes presentadas.
Para obter máis información sobre
este evento, no que tamén participan outras entidades como AC Proxecto Trasno, pódese acudir á web
oficial ou solicitar información por correo electrónico á dirección cc@intestable.org.
