Os ilustradores galegos estrean nova páxina web

martes, 17 de xuño do 2008 Raquel Noya

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) vén de inaugurar un novo sitio web cunha chea de contidos pensados e organizados “de xeito intelixente” para seren usados por profesionais do debuxo, medios de comunicación e todo aquel que teña interese no eido do deseño gráfico.
Os internautas que se acheguen a esta nova páxina web poderán atopar, entre outras cousas, novas do sector actualizadas de xeito permanente, exposicións virtuais, información xeral dos obxectivos da Asociación ou todo o relativo ás actividades que organiza a AGPI pola nosa Comunidade.
Con máis dun cento de artistas de toda Galicia e preto de cinco anos de percorrido dende a súa refundación, esta Asociación vén agora de renovarse abrindo un espazo virtual para a documentación de interese dos seus asociados, facilitando o mellor exercicio da profesión dos mesmos. Nesta ligazón, os internautas autorizados poderán consultar asuntos económicos, fiscais e legais, actas de reunións, asembleas da asociación, listados e enderezos de contacto de editoriais e axencias, foros de discusión e convocatorias de cursos, becas, obradoiros, certames e concursos, entre outras utilidades que vaian xurdindo no entorno.
Asemade, a nova web da AGPI facilítalle ós seus usuarios un buscador de ilustradores que está organizado de tal xeito que permite realizar procuras por nome, lugar de residencia ou campos de traballo para atopar a un profesional axeitado ao estilo ou tipo de traballo que se desexe contratar.
Os seus creadores aseguran que a utilidade deste buscador é tal que “sen dúbida” a web da AGPI “se converterá nunha ferramenta de uso fundamental para editores, creativos e directores artísticos” que precisen localizar e contactar frecuentemente con debuxantes e artistas gráficos que ofrezan os seus servizos.
Outro dos obxectivos desta web é amosar a calidade e a ampla variedade normal e estilística que teñen os profesionais galegos a través dunha mostra da heteroxenia e riqueza gráfica que, segundo os responsables da web, “sempre foi signo de identidade dos nosos artistas”. Asemade, o portal pretende ofrecerlle ao público unha imaxe “sólida de seriedade e de conciencia da propia identidade”, a mellor garantía de que “só un ilustrador profesional está capacitado para resolver axeitadamente o encargo recibido”.