Os impulsores de CreaAppcuentos queren chegar ás 100.000 descargas ao longo de 2014
mércores, 29 de xaneiro do 2014

- Avelino Correa, creador da aplicación, fálanos dos seus obxectivos para 2014
CreaAppcuentos é unha
aplicación galega de gran proxección (gañou recentemente o
primeiro premio do concurso
de startups
vía web de Startup Pirates) e que consiste nun recurso para
dispositivos con Android e iOS que permite a creación de contos ou
historias dun xeito sinxelo e intuitivo. Pois ben, tanto polo dito
recoñecemento como pola orixinalidade e a innovación postas en
xogo, a iniciativa CreAppcuentos
xerou estes días unha importante expectación na comunidade
internauta (pais, nais, profesorado, nenas e nenos, etc). Co gallo
disto, os responsables da ferramenta veñen de botar luz sobre as
funcionalidades e o alcance da aplicación, que xa está no mercado e
dispoñible para iOS. Segundo nos contan, a idea é acadar as
100.000 descargas e permitir que se lle poida tirar partido dende
calquera parte do mundo.
En palabras de Avelino
Correo, fundador de CreAppcuentos xunto con Maribel Martínez, a ferramenta ten o obxectivo firme
de fomentar a imaxinación, a creatividade, a aprendizaxe e a
interacción cos pais. Polo que respecta á resposta xerada polas
nais e pais que xa tiveron ocasión de descargala, Correa apunta a
que a aceptación está a ser moi boa. E engade: “Todas as
valoracións son positivas e a xente que emprega a aplicación
salienta a calidade das ilustracións e o baixo custo dos paquetes
adicionais. Para nós foi unha boa noticia xa que significa que o
estamos facendo ben e que os nenos poden desenvolver as súas
habilidades usando nosa app”.
No que atinxe ao
seguimento xerado, Correa apunta que “malia os poucos días que
leva no mercado, a aplicación xa foi obxecto de centos de descargas
e en breve chegará ás 1.000”. Para o equipo responsable deste
desenvolvemento, o máis curioso deste punto é o lugar de orixe das
peticións: Colombia, México, Brasil, USA, China, Tailandia,
Turquía, Finlandia, etc. “Un dos nosos obxectivos”, explica
Correa, “é que se descarguen en máis de 50 países, que se cren
contos en múltiples idiomas e que gocen con eles na rede social”.

O desenvolvemento da
ferramenta, explican, seguiu a metodoloxía do Lean Startup,
unha forma de facer as cousas
que lles permitiu “dunha maneira rápida” validar
hipóteses e definir con precisión o produto despois de falar cos
clientes. A fórmula empregada, polo tanto, foi a da aprendizaxe
validada. Por certo que a idea colleu corpo na primeira edición do
concurso Startup Pirates de Vigo, na que o proxecto galego acadou o
primeiro premio para logo facerse co segundo premio no evento Lean
Startup Machine en Madrid.
No que atinxe á pegada
deixada xa no eido educativo, os responsables de CreAppcuentos foron
quen de pechar varios acordos con centros de ensino para que poidan
empregar a ferramenta. A idea, din, “é fomentar o maxín con
historias incribles onde os nenos son os protagonistas; trátase en
definitiva dunha ferramenta moi boa para fomentar as intelixencias
múltiples dos nenos”. O equipo de CreAppcuentos mesmo chegou a
recibir un comentario dunha educadora que está a utilizar a app
con nenos con síndrome de Down “e a aplicación está a ter boa
aceptación cos alumnos”.
No que se refire aos
vindeiros pasos a dar, Avelino Correa cualifica o ano 2014 como un
ano pleno de obxectivos. Entre eles, di, “buscamos acadar as
100.000 descargas, incorporar stickers animados e fondos en 3D
aos contos e personaxes coñecidos de televisión e definir a rede
social Cuentoteca na que os usuarios poderán subir contos e
descargarllos doutros usuarios”. Segundo engade, esta comunidade
será “un andel virtual con miles de contos que podamos ler con
nosos peques e suporá ademais un aforro importante en diñeiro e en
espazo”.
CreAppcuentos está a día
de hoxe dispoñible
na App Store de Apple. A mediados do mes de febreiro xa se poderá
descargar para os dispositivos Android desde o Play Store. En ambos
os casos, a ferramenta é de balde e inclúe un paquete completo para
que se poidan crear contos.
A aplicación vén da man de Avelino Correa e Maribel Martínez (coa colaboración de ilustradores como Pepe Carreiro, Alberto García Ariza, Abraham Carreiro, Raquel López, Pirusca...).
