Os xornalistas optan por Twitter

xoves, 29 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

As redes sociais, ata que se demostre o contrario, teñen potencial para sacarlle o máximo rendemento á profesión de xornalista. En boa medida, todo usuario das redes sociais, os que as empregan de verdade, son un pouco xornalistas, aínda que iso é outro cantar. O caso é que estas ferramentas permiten, utilizadas con cabeciña, cousas coas que nin se soñaba: por exemplo, chegar á meirande cantidade de xente que ti queres que chegue. Algo así como unha audiencia ideal, que logo resulta que continúan o traballo que ti fas. Unha enleada. O caso é que segundo un estudo da Universidade Carlos III de Madrid, de entre tódalas comunidades 2.0 que prefiren os xornalistas, sen dúbida salienta Twitter. Por que? Pois en boa medida, porque é máis xornalística.
Asemade, é máis directa e funcional para o que se pretende: difundir información. Segundo o devandito estudo, os profesionais da comunicación empregan decote esta ferramenta para publicar e divulgar novas (95%), identificar tendencias (86%), buscar información (82%), viralizar datos dos seus propios medios (82%) e fidelizar usuarios (78%). A investigación chamada Join the conversation, como están usando Twitter os xornalistas españois, diríxese a tomarlle o pulso á participación en liña dos medios e a tódalas cousas que están a pór en marcha no seu seo para chegar a máis lectores. Feito por un grupo de mestres do colectivo LABàPART, o estudo comezou avaliando o dito espazo participativo ligándoo ao xornalismo, sendo un dos obxectivos saber o porqué da preferencia de Twitter sobre outras ferramentas (redes sociais, blogs, etc). O estudo ten o seguinte alicerce: medio centenar de xornalistas estatais con perfiles activos nesta rede social, cunha idade media de 38 anos e con 15 anos de experiencia na profesión. Entre outras cousas, os datos resultantes desvela que Twitter, máis que unha fonte de datos, é unha canle. De feito, só a cuarta parte dos enquisados di empregar esta rede para facer xornalismo de investigación. Para quen queira saber máis de todo isto, dicirlle que o estudo está dispoñible para descarga.