Política lingüística edita o programa Ben falado! en DVD

venres, 18 de decembro do 2009 Raquel Noya

A partir do vindeiro luns, día 21 de decembro, os galegos e galegas interesados na conservación e espallamento da nosa lingua estamos de noraboa, ao poder mercar nas principais librerías da comunidade o DVD do programa televisivo Ben falado!, un espazo ameno e áxil para a divulgación do galego.
Trátase dunha antoloxía de oitenta e dous capítulos deste microespazo divulgativo sobre a lingua galega que vén de emitir a Televisión de Galicia e que a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou onte pola mañá nunha rolda de prensa.
O DVD, que tamén se distribuirá como material de apoio nos centros educativos de Galicia, nos centros de estudos galegos e en máis de corenta universidades de todo o mundo, é un proxecto que contribúe ao achegamento de toda a sociedade á lingua galega a través de explicacións sobre toponimia ou antroponimia ou sobre outros campos da lingua como son a fraseoloxía, a gramática ou a morfoloxía, pero dunha forma amena e áxil, facéndoo atractivo para todos os públicos, de calquera profesión e idade.
Estes oitenta e dous capítulos que se recollen no DVD constitúen unha escolma dos capítulos que se emitiron na Televisión de Galicia desde xullo de 2008 ata xullo de 2009 e neles tamén atopamos reportaxes sobre a situación da lingua galega nos diversos sectores da sociedade (empresarial, educativo, sanitario, novas tecnoloxías...) así como da literatura galega e mais da historia da lingua galega.