Pontevedra acollerá un congreso sobre videoxogos e educación

venres, 17 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Entre os días 25 e 28 de outubro está prevista a celebración do IV Congreso Internacional de Videoxogos e Educación (CIVE 2016) na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus da Xunqueira en Pontevedra, onde abordaranse os catro piares para a creación de videoxogos (o que fará o xogador, as mecánicas do xogo, a estética e a tecnoloxía) dividíndoos en cadansúa xornada do evento que ten aberto o período de presentación de propostas para o Congreso ata o 30 de xullo (comunicándose a súa aceptación antes do 30 de agosto) para o que propoñen distintos eixes temáticos:
- Videoxogos na atención á diversidade
- Aprendizaxe lúdica
- Videoxogos e desenvolvemento das intelixencias múltiples
- Videoxogos e arte: potenciación da creatividade
- Comunidades de videoxogadores e aprendizaxe
- Realidade Aumentada e mundos virtuais
- Aprendizaxe inmersivo e experiencial con serious games
- Recursos dixitais lúdicos
- Ludificación ou gamificación na aula
- Videoxogos como fórmula de prevención e abordaxe terapéutica
- Narrativa do videoxogo
- Videoxogos e hipermedia
- Creación e desenvolvemento de videoxogos
- Videoxogos e redes sociais
- Saúde e videoxogos
- Videoxogos na educación, forma, non formal e informal
Este encontro está promovido pola asociación de investigadores Alfas, e chegará por primeira vez a Galicia tras pasar por Valencia, Cáceres e Buenos Aires.
De xeito paralelo ao congreso tamén terá lugar unha Game Jam, na que grupos de ata catro persoas (das que como mínimo unha ten que ser un estudante universitario) competirán na creación dun xogo para web e/ou dispositivos móbiles dentro das temáticas propostas ao inicio da actividade.