Presentado o programa máis ambicioso da historia de Mundos Dixitais
luns, 27 de xuño do 2011
Os anos non pasan en balde é unha expresión que malia que moitas persoas lle outorgan unha carga simbólica moi negativa (que suxire declive ou envellecemento), o certo é que levada ao mundo empresarial transfórmase ao instante na máis grande das vantaxes que posúe unha entidade á hora de emprender calquera actividade, posto que pon da súa man a experiencia xurdida dos erros e acertos do pasado.
E experiencia, precisamente, é o que lle sobra a Mundos Dixitais, o Festival Internacional de Animación, Efectos Especiais, Videoxogos e Arquitectura Dixital, que este ano cumpre unha década e que o vai celebrar na Coruña co programa de actividades máis ambicioso da súa historia.
O evento, que se consolidou neste tempo como unha das referencias internacionais do sector, celebrará o seu décimo aniversario entre os días 6 e 9 de xullo, nun acto que prevé a asistencia de máis de 400 participantes relacionados coa arte da dixitalización de contidos.
Así o avanzou esta mesma mañá o director do festival, Manuel Meijide, nunha rolda de prensa á que asistiron, entre outras personalidades, o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, o reitor da UDC, José María Barja ou o alcalde da Coruña, Carlos Negreira.
Durante os catro días que dura o encontro, poderanse ver na cidade herculina os últimos avances en campos como a arquitectura dixital, o cinema de animación, os videoxogos e os efectos especiais, enmarcados nun programa que Meijide cualificou de “intenso, case extenuante”, referíndose a que logrou atraer aos profesionais máis brillantes de cada campo que abarca o festival.
E se cadra non esaxera demasiado posto que, ademais da presenza destacada do fundador de Pixar, Alvy Ray Smith, (que tal e como informamos en días pasados, recibirá un premio especial do festival polo seu labor de creación de mundos paralelos cheos de fantasía), o evento dará acollida ao deseñador de software e artista dixital, Peter Plantec, ao gurú dos efectos especiais, Eric Roth ou ao arquitecto dixital, Michael J. Brown, entre outros importantes persoeiros.
Porén neste caixón de xastre dixital no que se dan cita os máis prestixiosos profesionais de distintos sectores TIC, tamén hai espazo para os emprendedores ou axentes empresariais que acaban de iniciar a súa andaina, e que ano tras ano, atopan nas sesións de recrutamento, un lugar de encontro entre profesionais e empresas no que poñer en común as súas necesidades, e desenvolver proxectos comúns.
Do programa cabe destacar, asemade, a entrega dos 3DAwards, os premios internacionais máis importantes desta disciplina, aos que aspira como finalista un proxecto español presentado polo Grupo de Visualización Avanzada VideaLAB en colaboración coa compañía coruñesa Ilux Visual Technologies.
Da xornada dedicada á animación e ao cinema destacan as presentacións de tres empresas galegas: Moonbite Games, Perro Verde Films e Otiiplanet, que amosarán cadanseus proxectos dixitais de éxito, así como a proxección, no Teatro Colón Novacaixagalicia, de Electronic Theater, unha selección dos mellores traballos da industria de contidos dixitais.
O festival remata o sábado, día 9, cunha mesa redonda sobre a saúde do sector en España, así como coa tradicional cerimonia de entrega de premios do Festival Internacional de Animación, que segundo Meijide, é unha cita que “cada ano reúne as mellores curtametraxes de animación de todo o planeta”.
