R emitirá pola súa canle dixital parte dos contidos do Festival Play-Doc

venres, 16 de marzo do 2012 Raquel Noya

O Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, que xa dende hai varias edicións rozaba a perfección ao contar con concertos, exposicións, obradoiros, premios, proxeccións, relatorios e diversión asegurada para tódolos visitantes, vén de acadar o seu máis alto nivel este ano, ao poder emitir os seus contidos por televisión.
Esta posibilidade chégalle da man do operador galego R, co que vén de asinar un acordo polo que unha selección dos filmes máis importantes que pasarán polo festival, así como a obra de grandes realizadores aos que Play-Doc dedicou amplas retrospectivas, exhibiranse no catálogo do vídeo baixo demanda de R.
Deste xeito, R e Play-Doc ofrécenlle a máis de 95.000 fogares a posibilidade de acceder a contidos de calidade que nunca antes chegaran á pequena pantalla e aos que dificilmente se pode acceder fóra do circuíto de festivais deste tipo.
Os clientes de R poderán acceder a partir de febreiro dun servizo de vídeo baixo demandaXa que logo, e unha vez rematada a oitava edición do Festival Internacional de Documentais de Tui, parte da programación de Play-Doc poderá verse na televisión de R, onde o espectador reproducirá ás pezas ao seu antollo, rebobinando, avanzando ou repetindo a súa emisión tantas veces como desexe.
Ademais, a través do vídeo baixo demanda de R, os clientes da operadora terán acceso a información completa de cada un dos contidos, como a sinopse ou a ficha técnica.
Segundo a organización de Play-Doc, “esta é unha oportunidade única para dar un maior acceso e visibilidade a algunhas das mellores obras presentadas no certame ao longo destes 8 anos, e tamén a unha serie de filmes que por cuestións de espazo quedan cada ano fóra da programación do festival”.
Así, engaden, “aqueles que non poidan achegarse ata Tui a Play-Doc, terán agora a oportunidade de ver tamén dende as súas casas o mellor da programación do festival tudense”.