Segunda xornada do XGN 12+1, completa de actividades

sábado, 5 de maio do 2012 Raquel Noya

O Xuventude Galicia Net continua desenvolvendo a súa axenda de actividades e relatorios que tiña programada para esta 13 edición, e así esta tarde, as persoas que non se puideron achegar ata agora ao Pazo de Congresos de Galicia, poderán facelo hoxe e asistir a unha das xornadas máis interesantes das que quedan por diante; falamos da Mesa redonda sobre emprendemento, que terá lugar a partir das 17:00 horas na Sala Obradoiro.
Á cita acudirán persoas de universidade e empresas privadas para falar sobre as opcións de emprendemento que existen hoxe en día.
Trátase dunha cita imprescindible para todas aquelas persoas que teñan algunha inquedanza sobre o mundo das iniciativas empresariais, ou que teñen en mente algunha idea innovadora de negocio que queiran levar adiante e non saiban por onde comezar.
Como relatores convidados a esta mesa asistiran Fernando Rafael Pardo Seco, técnico de transferencia de Tecnoloxía da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC; Daniel Cerqueiro García, socio-director de Galinus, Comunicación en Internet e Josefina Fernández Álvarez, xerente e membro do Consello de Administración de Altia Consultores.
As persoas asistentes terán a oportunidade de dar resposta as súas dúbidas nunha quenda especial de preguntas que terá lugar despois dos relatorios.
Tamén a partir das 17:00 horas terán lugar varias actividades relacionadas coa ciencia, por exemplo a de Ciencia Divertida; coas composicións de píxeles, no Obradoiro de Hamma Beeds ou coa maquillaxe, que na xornada de hoxe retomarán as actividades de caracterización das persoas voluntarias para deixarse pintar de zombie ou personaxe da Guerra das Galaxias.
O Obradoiro sobre videoxogos e teléfonos móbiles, outro gran agardado do día, dará comezo a partir das 18:00 horas, e estará estruturado en 4 partes: unha primeira parte coa historia dos videoxogos para móbiles; unha segunda parte na que se exporán casos de éxito; unha terceira na que se mostra como crear un videoxogo para móbiles e unha última na que se dará paso á demo da programación dun videoxogo sinxelo para iPhone.
Completan a xornada os obradoiros de Lightroom, de reciclaxe de equipos electrónicos, de Hacking ético e a actividade formativa Startup: Speed-Networking, a partir das 19:00 horas.
O segundo día do XGN rematará cun ciclo de cine dedicado a Star Wars.