Segundo un estudo, o galego sofre unha importante falta de recursos tecnolóxicos
venres, 14 de outubro do 2011

- O grupo de Tecnoloxías Multimedia conta cunha longa traxectoria de investigación en tecnoloxías da fala
Na actualidade, a tecnoloxía xoga un papel fundamental no apoio e desenvolvemento de case que tódalas disciplinas habidas e por haber, porén, se cabe, aínda é moito máis importante ese papel se nos temos que referir ao desenvolvemento e difusión dunha lingua, ao permitir que esta chegue ata tódolos recunchos do mundo e mesmo non morra cos últimos falantes que
agonizando sobreviven á presión que exercen outras linguas máis poderosas.
De sobras queda demostrado que a coincidencia do Día das Letras Galegas co Día de Internet no noso país faille un gran favor á nosa lingua, que como outras moitas, bota man de tódolos recursos que atopa ao seu alcance para coller folgos e tirar para diante algún tempo máis, porén semella que non é dabondo.
E é que “o galego, comparado con outras linguas europeas, sofre unha importante falta de recursos tecnolóxicos” e non o dicimos nos, dío o Libro Branco sobre o galego que vén de facer público a rede pan-europea de excelencia Meta-Net, do que soubemos hoxe a súa existencia grazas ao Diario da Universidade de Vigo, que achega un artigo sobre a presentación dun dos seus extractos.
Trátase dunha serie de estudos técnicos sobre 30 linguas europeas con cadanseu informe, cos que se trata de mostrar como na Europa moderna a tecnoloxía xoga un papel fundamental no apoio ao desenvolvemento do multilingüismo. Estes documentos amosan a situación social, económica e tecnolóxica destas linguas “co fin de promover unha sociedade da información multilingüe”, aseguran, e dende a Universidade de Vigo, fixeron o propio coa nosa lingua, cunha situación precaria na sociedade da información.
“O galego adoece do necesario desenvolvemento de tecnoloxías da lingua de calidade”, afírmase no libro, que continúa apuntando que esta cadencia “relega ao noso idioma a posicións moi por debaixo de outras linguas europeas no tocante, por exemplo, á investigación e á divulgación científica, eido no que domina o inglés”.
A rede Meta-Net integra a 44 centros de investigación de 31 países, entre os que se inclúe o Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo, que lidera a catedrática Carmen García Mateo, co-autora, xunto con Montserrat Arza, deste Libro Branco sobre o galego.
O grupo colabora nesta iniciativa exercendo de ligazón para a lingua galega apoiado pola súa ampla experiencia en tecnoloxías da fala, tanto na liña de recoñecemento de fala como en conversión texto-voz, sendo o único grupo que traballa en fala galega nestes ámbitos.
Xa que logo, García Mateo sinala que “malia que se está a realizar un grande esforzo en Galicia para fomentar o uso e mellorar a calidade do galego en todas as esferas da vida, o desenvolvemento de tecnoloxías da lingua de calidade para o galego presenta carencias importantes”, “e unha das consecuencias desta falta de recursos é o pouco uso da lingua propia no eido da investigación”, engade.
As autoras do Libro Branco do galego sosteñen que a orixe do problema radica en que “os principais provedores de servizos lingüísticos son empresas estadounidenses, grandes corporacións que descoñecen a situación das linguas do continente europeo”, e engaden que “non se pode agardar dez ou vinte anos a que se leven a cabo melloras significantes que poidan fomentar a comunicación e a produtividade no ámbito plurilingüe que é Europa”, xa que logo, poñámonos mans á obra e aportemos o noso pequeno gran de area usando o galego no eido da investigación e a tecnoloxía.
