TADEGA e EGANET organizan unhas xornadas sobre tecnoloxía accesible para todas e todos

xoves, 4 de febreiro do 2010 Fernando Sarasketa

O Proxecto IN-TIC será unha das iniciativas presentadas

As redes da información e os seus diferentes compoñentes, podémolo ver todos os días, achegan todo ou nada. Todo para quen pode empregalas e ten o coñecemento para iso e nada para quen ten unhas características físicas ou psíquicas diferentes aos do común da sociedade, ou ben non dispón dos datos e a formación precisos para estar en liña. Dito doutro xeito: as redes da información, senón se remedia, poden converterse en redes de discriminación. Na liña de evitalo é onde se insire o traballo da plataforma TADEGA, da que falamos o outro día para dar conta dunha serie de obxeccións ao plan Abalar e que agora anuncia a posta en marcha, con EGANET, das cuartas Xornadas TADEGA (aquí, en pdf), a celebrar no Pazo da Cultura de Pontevedra os días 26 e 27 de febreiro.
Os encontros, que veñen acompañados do epígrafe Competencia dixital na atención á diversidade, contarán (entre outros especialistas TIC-accesibilidade) coa presenza de Daniel Cerquerio, directivo de EGANET, quen se encargará de moderar nestas sesións (dirixidas sobre todo á comunidade educativa galega) a mesa redonda Tecnoloxías accesibles galegas.
Por certo que nesta mesa afondarase en iniciativas como o Proxecto IN-TIC (do Centro de Informática Médica da Universidade da Coruña, encamíñase a favorecer o acceso ás canles do coñecemento das persoas maiores ou con diversidade funcional), o Teclado TIC TAC (de Fátima María García Doval, trátase dun teclado virtual para persoas con diversidade funcional que non están en situación de empregar teclados convencionais), o iDigital Box de InfoJC (aplicación de xestión de servizos multimedia avanzados para persoas con problemas de autonomía persoal) e o Ubuntu para persoas maiores (de Xulio Fernández Hermida, consiste nunha distribución libre para persoas que empregan decote o computador, tan sinxela de usar coma un televisor ou un teléfono).
As cuartas Xornadas TADEGa ofertan varias áreas temáticas de interese para profesores e estudantes:
· As ferramentas dixitais ao servizo da rehabilitación e atención do alumnado NEAE (necesidades educativas de apoio específico).
· Aproximación a outras situacións educativas que requiren atención educativa (multiculturalidade, o mundo do maior, mundo rural, altas capacidades...)
· Recursos dixitais para traballar cos SAAC (Sistemas Alternativos e Aumentativos da Comunicación).
· Achegamento á iniciativa dixital do empresariado galego recoñecida pola súa accesibilidade.