Telefónica acada un beneficio de máis do 40% en 2006
xoves, 1 de marzo do 2007
A operadora Telefónica, cun incremento de beneficios de máis do 40 por cento, superou os obxectivos financeiros fixados para 2006, tanto en termo de ingresos como de OIBDA e OI, o que se traduce nun beneficio neto record de 6.233 millóns de euros. Este aumento considerable dos ingresos son (sinala a empresa nun comunicado en pdf) un reflexo do crecemento diferencial que se produce en tódalas partidas da conta de resultados da compañía e que, en termos de crecemento orgánico, “volve a situala á cabeza do sector europeo, cun incremento de ingresos do 7,8 por cento”. Con máis de 145 millóns de clientes móbiles e 8 millóns de conexións a banda ancha, Telefónica tamén logrou manter a base de clientes, que supera na actualidade os 203 millóns de accesos. Malia os beneficios acumulados ó longo de 2006, a compañía española tivo na banda ampla unha das súas principais apostas, tanto no estado español como e en Latinoamérica. Outro dos grandes espazos de traballo foi a expansión das redes de segunda e terceira xeración en Europa, actividades nas que se investiron máis de 8.000 millóns de euros. Segundo apunta a operadora, estes resultados poñen tamén de manifesto unha política de favorecer a retribución ó accionista e revelan (engade) o obxectivo de duplicar o beneficio por acción e o dividendo para o exercicio do 2009 dende 0,91 euros e 0,50 euros por acción correspondentes a 2005.
