Telefónica presenta o seu proxecto solidario Proniño

xoves, 5 de xuño do 2008 Raquel Noya

O Presidente de Telefónica, César Alierta, vén de facerse coa colaboración de varios Premios Nobel, destacados activistas contra a pobreza e recoñecidos artistas internacionais (entre os que cómpre salientar a Alejandro Sanz ou a Imanol Arias) para presentar o Proxecto Proniño, unha iniciativa de acción social da compañía que preside, encamiñada a prever e erradicar o traballo infantil en Latinoamérica.
Este programa que Telefónica xestiona a través da súa Fundación, ten tamén como obxectivo acadar a plena integración na sociedade de miles de nenos e nenas dos países subdesenvolvidos de América Latina mediante unha educación de calidade e para iso, ademais de darlle pulo ó despegue das súas infraestruturas e á accesibilidade dos seus servizos, a operadora pretende mellorar a calidade educativa mediante o uso das TIC nos centros de ensino.
Durante as 2 horas de sesión que levou a presentación da iniciativa da Fundación Telefónica, os convidados abordaron o tema dende distintas perspectivas: económica, cultural, empresarial... deixando patente que o desenvolvemento do Programa Proniño deberá ser un compromiso de todos porque “Xuntos Podemos”.