Televés formará a instaladores de fibra óptica de toda España

luns, 29 de novembro do 2010 Raquel Noya

No marco do convenio de colaboración que Televés mantén coa Federación de Instaladores de Telecomunicacións (Fenitel), a compañía galega vén de anunciar que lle vai ofrecer a todas as asociacións territoriais membros da Federación, a realización de relatorios e obradoiros dirixidos a formar ao persoal das empresas nas novidades técnicas asociadas ao regulamento que ordea a actividade de instalación e o mantemento de equipos e sistemas de telecomunicación, segundo recolle o Real Decreto 244/2010, do 5 de marzo.
O amplo programa formativo arrincará cunha primeira batería de relatorios, que se desenvolverán por todo o Estado, centrados en fibra óptica, en istalación FTTH e Redes de datos, nun programa que recolle leccións prácticas co medidor da compañía H45 e con redes de extensión coaxial con F.O.
Nunha segunda fase, Televés desenvolverá accións formativas centradas noutras materias, co obxectivo, segundo apunta, “de cubrir por completo as necesidades dos profesionais de cara á súa adaptación á nova normativa”.
A colaboración de Televés con Fenitel forma parte do compromiso da compañía galega de dar “o máximo respaldo aos profesionais da instalación nun momento como o actual, no que teñen que enfrentarse a novos conceptos e tecnoloxías”.
Nesta liña, Televés xa desenvolveu en Madrid, os días 28 e 29 de outubro, unhas xornadas formativas dedicadas a presentar as principais novidades técnicas e de produto asociadas ao novo marco regulatorio do sector.