Todo listo para o comezo da 17ª edición de Galiciencia

martes, 10 de maio do 2022 Anxo Sesto

O Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole – promove un ano máis a Galiciencia, a maior feira científica da nosa comunidade que busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Empresa e Innovación e co Ministerio de Ciencia e Innovación. O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, dará mañá mércores, 11 de maio, o pistoletazo de saída da feira, ás 10:00 horas.
Galiciencia regresa á modalidade presencial despois de dous anos en formato online (aínda que tamén se poderá participar a través da rede). Esta 17ª edición prolongarase ata o venres, coa temática da “Economía circular”, na que participarán de xeito presencial un total de 210 rapaces e rapazas de 37 centros educativos diferentes (tanto galegos como de fóra). Na modalidade presencial concorren 50 proxectos de Secundaria, Bacharelato e Fp, e 20 de Primaria. De xeito online participan 17 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP, e 3 de Primaria. Durante estes tres días os equipos seleccionados para amosar os seus traballos científicos expoñeranos nos stands da feira e explicarán as súas propostas ao público. O primeiro premio está dotado con 1.000 euros para que poidan asistir á Exporecerca en Barcelona, a maior feira científica a nivel estatal; o segundo equipo clasificado recibirá 500 euros, o que lles permitirá asistir a Zientzia Azoka, feira científica en Bilbao, e o terceiro clasificado recibirá 200 euros para a compra de material científico.
Premiarase tamén a mellor presentación oral de proxecto, o proxecto máis innovador, o proxecto que contribúa dalgunha maneira á igualdade de xénero... ademais, a feira compleméntase con actividades que buscan achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos de xeito práctico e divertido.