Todo o que quixemos saber sobre os datos na Industria 4.0, ao detalle nunha xornada en Ferrol

luns, 5 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

A Asociación de Empresarios Ferrolterra, a través da empresa asociada Ártabro Tech, vén de anunciar a convocatoria dunha xornada sobre novos xeitos intelixentes de traballar e de levar a cabo a nosa actividade empresarial, abeirados ás novas tecnoloxías da información e á relevancia que ante este panorama cobra o coñecemento a gran escala. Trátase da charla de divulgación O valor dos datos ante o desafío da Industria 4.0, unha aproximación (en palabras dos organizadores) aos sistemas de aprendizaxe automática.
Segundo engade a asociación, o obxectivo da cita é “dar a coñecer o valor que representa a explotación dos datos que actualmente obteñen de maneira intensiva todo tipo de empresas, industriais ou de servizos, á hora de aplicar criterios de mellora na eficiencia dos seus procesos e na calidade dos produtos ou servizos que ofrecen”.
Outro dos temas a tratar será o potencial de actividade empresarial que brinda o que se coñece como Machine Learning, que alude á capacidade de aprendizaxe das máquinas actuais, facendo fincapé no significado exacto deste concepto e nas súas aplicacións para convertérense en elemento catalizador dos beneficios que poden achegar os datos.
A xornada está dirixida a xerentes e responsables dos departamentos de Tecnoloxías da Información de empresas industriais ou de xestión de servizos, interesadas/os en coñecer as melloras produtivas que poden obter da análise e explotación dos seus datos, “grazas á aplicación de tecnoloxías e ferramentas expertas que precisan duns niveis de computación que hoxe resultan de acceso xeral”, engaden a asociación e máis a empresa Ártabro.
A cita desenvolverase o 8 de marzo en horario de 17:00 a 18:30 horas na sede da AEF en Punta Arnela. A xornada é de balde pero ten aforamento limitado, polo que é recomendable facer previamente a inscrición, na conta info@empresarios-ferrolterra.org.