Unha empresa coruñesa estrea un servizo en liña de asinado de documentos PDF

luns, 21 de maio do 2012 Marcus Fernández

A empresa especializada en software de factura electrónica e sinatura dixital con sede en A Coruña, Enxendra Technologies, vén de pór a andar un novo servizo en liña, firmatuPDF.com, que facilita a calquera usuarios cun certificado electrónico o asinado de calquera documento PDF totalmente de balde. Deste xeito, poderase acreditar dun xeito sinxelo a identidade de quen asine o ficheiro, garantíndose tamén que o documento non foi manipulado.
O novo servizo en liña tamén conta cun apartado chamado Valida o teu PDF, que permite verificar a sinatura electrónica e ver os datos do asinante de documentos asinados dixitalmente que recibamos.
Este tipo de servizos baseados en certificados electrónicos recoñecidos (como o DNI electrónico) permiten o uso de documentos electrónicos dun xeito equiparable ás súas versións impresas, dando validez ás sinaturas que se realizan dixitalmente, o que dá garantías a contratos, pedidos e moitos outros documentos cos que poidamos traballar a través de canles electrónicas, coas vantaxes que iso supón (tanto a nivel organizativo como en aforro de tempo).