Unha fenda dixital divide a Galicia costeira da interior
mércores, 27 de xaneiro do 2010
O Instituto Galego de
Estadística vén de publicar os datos da Enquisa
de condicións de vida das familias no ano 2008 e no tocante ás novas
tecnoloxías, a sorpresa foi que unha fenda dixital divide o interior de Galicia
das provincias costeiras.
Segundo o IGE, o 33 por cento dos
fogares contaba con conexión a Internet no ano 2008, pero a distribución por
áreas era moi irregular e mentres no entorno de A Coruña era do 45,9 por cento,
no sur de Ourense, era de tan só un 14,1 por cento.
A distribución dos fogares con
conexión a Internet no ano 2008, lonxe do que cabería agardar, está moi lonxe
de ser uniforme, e a porcentaxe varía moito en función da área xeográfica na
que nos atopemos.
A principal causa de que os
fogares galegos non teñan conexión a Internet, segundo apunta a enquisa son fundamentalmente
que “non queren porque non lles parece
interesante ou útil” nun 40,7 por cento dos casos, “os altos custes” no 27 por cento dos enquisados e a “falta de
coñecementos” nun 20,1 por cento dos fogares.
Cabe destacar que o uso da Rede
por parte dos nenos e nenas de entre 5 e 14 anos supera xa o 50 por cento e
tamén está moi extendido entre os mozos e mozas de entre 15 e 19 anos, que xa o
empregan nun 89,9 por cento.
Porén as porcentaxes de poboación
que emprega Internet vai diminuíndo a medida que incrementamos a idade dos
usuarios e deste xeito, a porcentaxe da poboación de 30 a 39 anos que usa a Rede no
noso país baixa ata o 69,7 por cento, mentres que a de idades comprendidas
entre os 40 e os 54 non chega nin ao 50 por cento.
No tocante ao uso de teléfono
móbil, no ano 2008, sete de cada dez cidadáns galegos de 5 ou máis anos
empregárono algunha vez, unha cifra moi superior á rexistrada no ano 2002, que
se situaba un pouco por enriba do 42 por cento.
