Unha tese presentada na USC sinala a tendencia á alza do crowdfounding aplicado ao cinema
mércores, 4 de xuño do 2014

- Mónica López Golán, autora do traballo sobre este novo método de produción creativa
A Universidade de
Santiago deu a coñecer estes días os contidos xerais dunha tese de
gran interese para botar luz sobre o poder das redes sociais e dos
actuais servizos de Internet para mudar dende a raizame os métodos
tradicionais de produción cultural e creativa. Ou sexa, para
debullar en detalle este revolucionario proceso actual de facer
películas, cancións ou videoxogos e que consiste en dicirlle adeus
á idea antiga de produtor único para recuperar de cheo a figura dos
mecenas en clave colectiva. Falamos do crowdfunding,
metodoloxía
de traballo avaliada en detalle na tese de Mónica López Golán,
dirixida por Francisco Campos Freire.
O estudo, sinala a USC,
analiza por primeira vez en Galicia o comportamento do crowdfunding
como unha estratexia para o financiamento total ou parcial de
proxectos cinematográficos en tempos de Internet. O traballo que foi
defendido na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acadou a
cualificación de sobresaliente cum laude.
A autora estudo de xeito
pormenorizado varios casos de proxectos financiados con esta técnica
para comprobar que hai máis particularidades alén dos métodos
postos en xogo para a captación de fondos. Este carácter
diferencial tamén chega á cadea de valor, que é máis breve e que
permite “unha relación directa entre os extremos desta”, amais
de modificar os roles a desempeñar. De feito, o creador transfórmase
tamén en xestor do financiamento mentres que o consumidor adquire un
papel activo e a oportunidade de vivir unha experiencia que
transcende o feito de ver a película, pasando a ser coprodutor do
proxecto. No estudo dise tamén se trata dunha metodoloxía en alza
no eido da creación audiovisual, e que cada vez son máis as
iniciativas que se poñen en marcha seguindo este carreiro da
colectividade produtora recadada na Rede.
Segundo engaden fontes da
USC, a tese conclúe que esta nova fórmula de produción
democratizou o cinema “dando cabida a proxectos que doutro xeito
non tivesen visto a luz”, proxectos que tiveron ocasión de chegar
a festivais internacionais e algúns, como por exemplo Stockholm,
convertéronse xa en filmes de culto, moi ben valorados por crítica
e público e incluso polo xurado de importantes certame como por
exemplo os Goya (de feito Stockholm, filme
financiado pola técnica do crowdfunding a través de Verkami,
resultou ser
un dos filmes españois do ano mellor cualificados en comunidades en
liña como a de Filmaffinity).
