eBay convoca a actores e deportistas de sona para poxas humanitarias

mércores, 13 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

O servizo de poxas en liña eBay semella ir camiño de servir para algo máis que para interromper as nosas tarefas laborais, familiares ou persoais para participar en subastas colectivas de todo tipo de obxectos de valor que hai uns anos non valían nin un patacón. Leas aparte, esta vontade de ir un pouco máis alá do estritamente comercial é o que se pode deducir do comunicado emitido por eBay no que se sinalaba a participación dun bo feixe de celebridades españolas dispostas a vender obxectos persoais para apoiar á delegación española do Comité Internacional de Caridade. Esta organización, que depende do Joint Force Command, contaría a través da iniciativa de eBay con doantes de primeira liña nos medios, como por exemplo o xogador de baloncesto Pau Gasol, o cantante Julio Iglesias ou os actores Antonio Banderas e Javier Bardem.
O servizo en liña de poxas, que vén de poñer os devanditos artigos a un prezo de saída de un euro, está a facer seguimentos da evolución de cada un deles, estando xa en cabeza (no que se refire a poxantes que concorren, facendo subir os prezos) a muleta dedicada por José Tomás que este empregou nas súas derradeiras touradas. O seu valor é xa de máis de 300 euros. A continuación vén a camiseta oficial do Real Madrid asinada por todos os xogadores e logo as botas de torres (hoxe ao mediodía, roldando un prezo de 61,50 euros).
A escolma de artigos estará dispoñible na web ata o 21 de maio. Os beneficios xerados dirixiranse a contribuír ao desenvolvemento local de países como Kenia ou Afganistán.