A banda larga en España estancouse no mes de xullo

venres, 4 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

En cuestión de penetración da banda larga, España está na Unión Europea coma unha especie de anomalía. Por unha parte, o país non salienta precisamente en uso das redes a todos os niveis, e, pola outra, ofrécenselles (como para solucionalo…) aos seus cidadáns servizos que están por enriba da media europea en cuestión de prezo. E a cousa non leva moitas trazas de cambiar: advertimos este feito en 2007 e logo en 2009 case empeorou. Segundo se nos comenta en ADSLzone, o total de liñas de banda larga acumuladas en España acadou en xullo a cifra de 9,4 millóns. Isto significa que o estado ten unha taxa de penetración de 20,4 liñas por cada 100 habitantes, o que quere dicir que España sigue a moito máis dun tiro de pedra dos países máis avanzados nesta materia, por exemplo os países nórdicos, onde se anda a rentes do 40%.
Polo que respecta á contratación de banda larga contabilizada en xullo, sinalar que basicamente se pode falar de estancamento. Ou mesmo de lixeira caída. O caso é que no devandito mes déronse de alta 44.230 liñas.
Por operadores, os alternativos acadaron máis da medade das novas instalacións do último trimestre, abranguendo Telefónica o 36,53% e as compañías de cable preto do 12%. Cómpre salientar o ascenso do operador dominante, que xusto no mes anterior só puído chegar ao 17% das novas altas de ADSL, feito que puído vir dado polas rebaixas importantes aplicadas a algúns dos seus servizos, como por exemplo o Duo, que pasou a ofrecerse a 19,90 euros.