Daniel Ramos amosa a súa experiencia en Coru.net nos obradoiros da Rede de Innovación de Arteixo

martes, 25 de febreiro do 2014 Fernando Sarasketa

A Rede de Innovación de Arteixo, de cuxa presentación oficial falamos os días pasados, comeza xa a xerar recursos e actividades concretas para as empresas da súa contorna. Así, os responsables da Rede informan que van organizar ata finais de abril dez xornadas informativas para dar a coñecer o proxecto entre os axentes sociais do concello á vez que fomentar a cultura innovadora. Sen ir máis lonxe, este mércores 26 Daniel Ramos, socio e fundador de Coru.net, impartirá o obradoiro A innovación permanente dos emprendedores do sector TIC. A actividade desenvolverase no Centro Arteixo Innovación, sede da oficina de atención de RdI Arteixo, en horario de 16.25 a 18.30 horas.
A sesión é de balde e as inscricións deberán facerse por orde de recepción a través da conta de correo redinnovacion_arteixo@eoi.es. Por outra banda, informar que ata o venres 28 de febreiro fica aberto o prazo para que pequenas e medianas empresas (PEME) e emprendedores soliciten a súa participación nas consultorías individualizadas da RdI, tamén con carácter gratuíto.
Estas actividades forman parte dun amplo paquete de accións, principalmente obradoiros, que a Rede de Innovación ten programadas para tódalas semanas dende hoxe e ata o 23 de abril. O obxectivo destas sesións é pois fomentar a cultura innovadora á vez que se dá a coñecer o proxecto entre os posibles usuarios. Os relatores convidados son expertos nos seus eidos de mercado, as múltiples facetas que adoita a creatividade ao servizo das empresas. Segundo informan os responsables da Rede, “a través de casos de éxito e da seu propia experiencia, manifestarán o valor da innovación como factor de dinamización da actividade empresarial”.
O obradoiro deste mércores, o de Daniel Ramos, constitúe a segunda das dez xornadas informativas previstas polo de agora. Nesta sesión, a desenvolver baixo o epígrafe A innovación permanente dos emprendedores do sector TIC, Ramóns afondará polo miúdo nos retos aos que se enfronta unha compañía tecnolóxico-dixital. O obradoiro está dirixido a PEME, futuros emprendedores ou empresarios do ámbito TIC con vocación de innovación nos seus procesos, produtos e servizos.
Por certo que a vindeira xornada correrá a cargo de Manuel Carneiro, conselleiro delegado en IFFE Business School, e está prevista para 5 de marzo baixo o título A innovación como fonte de emprendemento.