A galega Edisa implanta o seu software en dúas empresas mexicanas de primeira liña
venres, 18 de xaneiro do 2013
A empresa galega Edisa,
con sedes en Ourense e Vigo, anunciou os días pasados dúas
novidades importantes respecto á súa actividade no exterior: por
unha banda a posta a disposición da empresa mexicana IMMSA do seu
software de xestión empresarial Libra e pola outra a implantación
do mesmo recurso na firma Aluminios de Baja California. Ámbalas dúas
integracións responden á estratexia de Edisa de afianzar a súa
presenza en diversos países de Iberoamérica, actividade que xa deu
os seus bos froitos na República
Dominicana, en
Colombia ou mesmo
en Portugal.
Segundo informa Edisa,
IMMSA é unha empresa dedicada á industria da transformación do
cobre que se converteu nos últimos anos no provedor máis importante
de pezas especializadas de cobre para a industria da enerxía e as
telecomunicacións en México. “Un aspecto destacado de IMMSA”,
engaden fontes da empresa galega, “é a súa orientación a
procesos e cun foco moi importante cara ao control de calidade en
todas as súas áreas, e é precisamente nesta contorna onde Libra se
presenta como unha ferramenta estratéxica para a empresa”.
Polo que atinxe a
Aluminios De Baixa California, dicir que se trata dunha empresa
dedicada ao tratamento do aluminio, situada en Tijuana. A
implantación dos módulos de Libra permitiralle cubrir a totalidade
das funcións da empresa, tanto no que se refire á operativa diaria
como ao control da xestión. Entre os módulos que a empresa
implantou destacan financeiro, loxística e almacéns, compras e
aprovisionamento, produción, vendas e distribución, mantemento,
calidade, CRM, RRHH, entre outros.
