O innovador servizo de venda Logre+ aposta pola tecnoloxía de xestión da galega Edisa

martes, 19 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

A compañía galega Edisa, con sedes en Ourense (Tecnópole) e Vigo, vén de acadar un novo fito no seu proceso de crecemento. O motivo disto ten a súa orixe, unha vez máis, na plataforma Libra, unha máis que completa achega de servizos e ferramentas para a xestión empresarial, a día de hoxe afianzándose en empresas de todo o mundo (tal e como informamos en Código Cero con motivo do seu afianzamento en México ou Colombia). Pois ben, segundo informa a empresa galega, a plataforma segue o seu proceso imparable de espallamento. De feito, vén de ser elixida polo portal de venda en liña Logre+ para a súa xestión de control e negocio.
Lembrar que Logre+ é unha innovadora iniciativa de distribución de produtos industriais, ferraxería e equipamento do fogar. Ten feitura de portal en liña no que se actualiza de continuo un catálogo electrónico de oportunidades e artigos das empresas socias, sendo o seu obxectivo (o de Logre+) xerar solucións para as compañías con excedentes de stock en produtos novos. Ou sexa, que con esta nova iniciativa trátase de resolver os problemas que xorden con aqueles artigos que perderon a súa oportunidade de venda, xa sexa por fin de tempada, pola aparición de novos modelos ou simplemente pola crise produtiva. En palabras de Gerardo Callejo, director comercial para a Zona Centro-Sur de LOGRE+, “o obxectivo é darlle unha segunda oportunidade a produtos con sobrestock, dunha forma diferente a como se fai tradicionalmente; queremos que calquera cliente, ben sexa unha pequena ferraxaría, ou unha gran empresa poidan ser tanto ofertantes como demandantes dos produtos publicados no portal".
Como dixemos, para o desenvolvemento deste proxecto empresarial, pioneiro en España, os seus responsables veñen de apostar forte pola plataforma de xestión empresarial Libra da compañía galega Edisa, e que inclúe un conxunto de aplicacións totalmente integradas para cubrir todos os procesos de negocio e os de xestión, plenamente adaptados ás necesidades de cada empresa. Así nos explica o devandito Gerardo Callejo as implicacións deste labor da firma Edisa a prol da plataforma de venda: “Desde a concepción do noso proxecto tivemos moi claro que para desenvolvelo precisabamos un apoio tecnolóxico importante a través dunha ferramenta moi fiable, doada de manexar e intuitiva, ademais de con gran experiencia no sector. Tras avaliar diferentes propostas optamos por Edisa, e en concreto pola súa plataforma Libra porque era sen dúbida a opción que mellor se adaptaba ás nosas necesidades”.
Lembremos que arestora Libra conta con máis de 500 casos de éxito en 60 sectores de actividade diferentes, sendo líder a nivel nacional nalgúns destes, como pesca e conxelados, extrusión de aluminio e distribución farmacéutica.